Estás en:Emprego

A Deputación reforza o investimento no Polígono de Sabón con novas actuacións en sendas e abastecemento

A adenda ao convenio co Concello de Arteixo redistribúe fondos e garante un financiamento provincial de máis de 3,5 millóns de euros

As obras de mellora da ETAP e do depósito xa están rematadas e as sendas das avenidas do Embalse, da Prensa e da Praia verán incrementados os seus orzamentos

A Deputación reforza o investimento no Polígono de Sabón con novas actuacións en sendas e abastecemento

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, asinaron hoxe a adenda ao convenio de colaboración para o financiamento de infraestruturas no Polígono Industrial de Sabón, que actualiza e redistribúe os investimentos previstos no acordo de 2021 para adaptalos á realidade das obras executadas e ás necesidades actuais do parque empresarial. A actuación céntrase na mellora de sendas e infraestruturas viarias, mantendo a achega máxima da Deputación fixada en 3.564.098,70 euros.

O documento recolle que xa están finalizadas dúas obras clave para o abastecemento de auga ao polígono: a mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), cun investimento de 1.810.914,50 euros, e a construción dun novo depósito, cun custo de 495.230,26 euros. Ambas foron financiadas ao 100% pola Deputación da Coruña.

O Concello de Arteixo renuncia á execución do proxecto de senda da avenida da Ponte, que supuña un investimento de 250.719 euros, debido á incompatibilidade coas obras xa realizadas nesa vía. Ese importe destinarase agora a reforzar o orzamento doutras dúas sendas pendentes: a das avenidas do Embalse e da Prensa, que contará cun investimento de 670.673,55 euros cuberto na súa totalidade pola Deputación, e a da avenida da Praia, cun custo de 1.139.920,43 euros, dos que 587.280,39 euros serán achegados pola institución provincial.

Valentín González Formoso subliñou que "Sabón é un dos principais motores industriais da provincia e un referente en Galicia, polo que a Deputación ten a obriga de seguir apoiando o seu crecemento e mellora. Estas actuacións non só reforzan as infraestruturas básicas, como o abastecemento de auga, senón que tamén melloran a mobilidade sostible, conectando mellor o polígono e facéndoo máis accesible e seguro para peóns e ciclista", afirmou o presidente da Deputación.

Carlos Calvelo destacou que "o concello de Arteixo está moi satisfeito de continuar a aplicar este acordo, que afonda na vía de colaboración entre as dúas administracións. Con esta adenda, ambas achegan recursos económicos á construción de sendas que melloren a mobilidade peonil no noso municipio e á ampliación dos nosos carrís bici, unha das nosas grandes iniciativas en materia de mobilidade".

A adenda fixa que as obras deberán estar finalizadas antes do 21 de marzo de 2027, prorrogando así o prazo orixinal e garantindo que todas as actuacións previstas poidan executarse e xustificarse dentro da nova vixencia, que se estende ata o 22 de abril de 2027. Con este acordo, Deputación e Concello consolidan o compromiso de mellorar as infraestruturas dun polígono que segue a ser motor industrial e económico para a provincia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X