Estás en:Emprego

O presidente da Deputación da Coruña entrega a Severino Escurís Batalla o Premio PEL á traxectoria empresarial

O galardón recoñece a dilatada e exemplar carreira profesional do empresario, que acaba de cumprir 100 anos, así como a súa contribución á creación de emprego e ao crecemento económico da provincia

O presidente da Deputación da Coruña entrega a Severino Escurís Batalla o Premio PEL á traxectoria empresarial

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entregou hoxe o Premio PEL á traxectoria empresarial a Severino Escurís Batalla, presidente honorífico de Actemsa, nun acto celebrado na sede da empresa na Pobra do Caramiñal.

O acto contou tamén coa presenza da deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, do alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, a concelelira Patricia Lojo, así como da familia de Severino Escurís, que quixeron acompañalo neste día especial.

Este galardón honorífico destaca a dilatada e exemplar carreira profesional do empresario, así como a súa contribución á creación de emprego e ao crecemento económico da provincia. Os Premios PEL (Plan de Emprego Local) da Deputación distinguen cada ano as mellores iniciativas empresariais e proxectos de emprendemento, así como figuras senlleiras do tecido produtivo coruñés.

Durante o acto, o presidente da Deputación salientou que "Severino Escurís é un exemplo de visión empresarial, traballo incansable e compromiso coa súa terra. Non só fixo medrar empresas, senón que contribuíu ao desenvolvemento desta terra", afirmou Formoso, que destacou a capacidade do empresario para "innovar, diversificar, inspirar ás novas xeracións e levar con orgullo o nome de Galicia por todo o mundo, sen esquecer nunca as súas raíces".

Formoso engadiu que esta visita se debe "a ter un detalle con Severino por todo o feito durante tantos anos e por contribuír, co seu traballo, que A Coruña sexa a provincia máis importante de Galicia en materia económica".

Pola súa banda, o rexedor pobrense agradeceu "á Deputación que recoñeza a un dos nosos veciños máis queridos e a presencia do presidente hoxe aquí para facer entrega desta distinción".

Nado en Rianxo o 18 de xullo de 1925, Escurís incorporouse con 17 anos á conserveira familiar Escurís e asumiu a presidencia do consello de administración en 1979. Tras a súa xubilación, en 1994 fundou Actemsa xunto aos seus fillos, impulsando desde o Polígono da Tomada un complexo industrial que hoxe é referente internacional no sector do túnido e das conservas.

Ao longo da súa vida profesional foi pioneiro en diversificar o negocio cara a áreas como a fabricación de envases, a flota atunera, a alimentación animal e a implantación industrial no estranxeiro, xerando milleiros de empregos directos e indirectos na comarca do Barbanza.

O empresario, que vén de cumprir 100 anos, conta con numerosos recoñecementos, entre eles a Medalla ao Mérito no Traballo do Goberno de España (2014) e a Medalla á Traxectoria Empresarial de Anfaco (2025).

Coa entrega deste premio, a Deputación da Coruña honra a figura dun emprendedor que fixo da innovación, o compromiso co territorio e a creación de emprego os piares dunha vida dedicada á empresa e ao desenvolvemento económico de Galicia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X