Estás en:Emprego

As gañadoras do Premio Castelao 2024 participan en ‘Viñetas desde o Atlántico’ cunha exposición sobre as súas obras

Sandra Lodi, gañadora na modalidade xeral por Adelina e Laura Suárez, gañadora na modalidade LIX por A raíña cadáver, protagonizaron hoxe unha visita guiada á súa exposición na sala Salvador de Madariaga, na que tamén participou a deputada de cultura, Natividade González e o director do festival, Manel Cráneo

A deputada puxo en valor o certame que convoca a área de cultura da Deputación, e que este ano celebra a súa 20ª edición, "vinte anos de historia recoñecendo o talento, a creatividade e a capacidade de contar historias a través da linguaxe da banda deseñada"

As gañadoras do Premio Castelao 2024 participan en ‘Viñetas desde o Atlántico’ cunha exposición sobre as súas obras

As gañadoras do XIX Premio Castelao de Banda de Deseñada da Deputación no 2024, Sandra Lodi na modalidade xeral por Adelina e Laura Suárez na LIX por A raíña cadáver, participan nesta edición de 'Viñetas desde o Atlántico' cunha exposición propia sobre as súas obras, que se pode visitar na sala Salvador de Madariaga (Durán Loriga 10). As gañadoras protagonizaron esta mañá unha visita guiada á mostra, na que tamén participou a deputada de cultura, Natividade González e o director do festival, Manel Cráneo.

A deputada puxo en valor o certame que convoca anualmente a área de cultura da Deputación, "que este ano cumpre 20 edicións. Vinte anos de historia recoñecendo o talento, a creatividade e a capacidade de contar historias a través da linguaxe da banda deseñada". Ademais, González salientou a figura de Castelao neste 175 aniversario do seu nacemento, "unha desas figuras que non só fixo arte, senón que tamén puxo o seu talento ao servizo de Galicia. Castelao foi escritor, debuxante, político... e, sobre todo, unha persoa comprometida coa defensa da nosa lingua, da nosa cultura e do noso dereito a existir como pobo".

"Castelao usou a palabra e a imaxe para contar o que pasaba, para denunciar as inxustizas e para mover conciencias. E iso é algo que tamén ten a banda deseñada: a capacidade de entreter, pero tamén de facer pensar, de emocionar e de cambiar miradas". Neste sentido, a titular de cultura sinalou que o Premio Castelao "mantén vivo ese espírito, impulsando novas voces e novas miradas como é o caso de Sandra Lodi e Laura Suárez", ás que agradeceu a súa contribución "a seguir escribindo esta historia colectiva que é a Banda Deseñada galega. E grazas tamén ao Viñetas desde o Atlántico por acoller un ano máis a entrega e posta en valor destes premios".

Castelao, Quino e as novas xeracións de autores protagonizan Viñetas 2025, que tamén inclúe na súa programación música e experiencias gastronómicas e que ten lugar do 11 ao 17 de agosto na Coruña, convertendo á cidade nun referente mundial do cómic.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X