A Deputación da Coruña impulsa actividades de xeoturismo no Xeoparque Cabo Ortegal
O programa de actividades, que terá dúas edicións, enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en destino do Xeoparque Cabo Ortegal financiado con fondos NextGenerationEU
O Xeoparque Cabo Ortegal avanza de maneira substancial no seu desenvolvemento turístico a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino impulsado pola Deputación con fondos NextGenerationEU, que está a mellorar a competitividade deste territorio. Neste momento está a desenvolver a creación de actividades de xeoturismo artellando unha oferta de experiencias singulares e de calidade que permitan desfrutar da gastronomía, os recursos culturais, a paisaxe, as tradicións ou as actividades ao aire libre nun espazo recoñecido pola UNESCO e único en Galicia como é o xeoparque.
As actividades de xeoturismo comezarán a artellarse no presente mes de agosto mediante o deseño, co-creación e posta en funcionamento, de dúas edicións dun programa de execución de 7 visitas experienciais entorno ao patrimonio xeolóxico e natural do territorio que se desenvolverán no outono. Cada unha das visitas, que se promocionarán proximamente, poderán contar cun máximo de 20 persoas. As persoas menores de idade poderán asistir sempre que vaian acompañadas dunha persoa adulta.
A posta en funcionamento realizarase coa colaboración de empresas prestadoras de servizos do Xeoparque Cabo Ortegal, así como de entidades de xestión turística do territorio (informadores turísticos, persoal de museos e centros de interpretación, etc.) e de asociacións locais. As actividades enfocaranse a mostrar aos participantes a riqueza xeolóxica, natural e cultural do Xeoparque Cabo Ortegal, así como a informar e sensibilizar aos visitantes, empresas, axentes locais e poboación en xeral, dos riscos para o ecosistema e os recursos asociados ás visitas turísticas sen control.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destaca a contribución desta actuación á creación dun produto turístico especializado de xeoturismo a partir do patrimonio singular do Xeoparque Mundial da UNESCO, ao incremento da divulgación do patrimonio xeolóxico entre a poboación local e os visitantes e a promoción e a atracción e satisfacción dos/as visitantes, cunha axeitada a distribución espacial e temporal de fluxos e incrementando a súa sostibilidade e efecto multiplicador.