A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas destacan o traballo dos equipos contraincendios para frear o lume en Xaviña
O presidente da Deputación e a alcaldesa de Camariñas percorreron a zona que ardeu en Xaviña, con 52 hectáreas calcinadas
Tanto o Valentín González Formoso como Sandra Insua expresaron a súa "rotunda condena" a quen provoca incendios forestais e pon en risco vidas humanas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, xunto cos concelleiros Begoña Tajes e Fabián Canosa, visitaron hoxe a parroquia de Xaviña, escenario do incendio forestal que, segundo datos oficiais, calcinou 52 hectáreas e afectou a núcleos como A Cancela, A Gándara, A Brea e Os Pións.
O lume chegou a ameazar vivendas, o que obrigou á Xunta de Galicia a declarar o nivel de alerta 2 e ao Goberno de España a mobilizar a Unidade Militar de Emerxencias (UME). A rápida intervención e a coordinación entre administracións —Concello, Deputación, Xunta e Estado— xunto coa implicación directa da veciñanza, foron decisivas para evitar que as lapas causasen danos maiores.
Formoso e Insua comprobaron sobre o terreo o traballo desenvolvido polos equipos contraincendios, que incluíron efectivos municipais dotados con material como o camión motobomba financiado pola Deputación, así como medios doutros concellos como Vimianzo e Muxía. Ambos responsables destacaron a coordinación e o esforzo conxunto, e agradeceron o papel clave da veciñanza de Xaviña, que colaborou activamente nas primeiras horas para frear o avance do lume.
O presidente provincial expresou a súa "rotunda condena" a quen provoca incendios forestais: "Hoxe vemos os restos do que foi unha auténtica batalla campal contra o lume. A inmensa maioría dos incendios que estamos a vivir son provocados e supoñen actos criminais que poñen en perigo vidas humanas e bens. É imprescindible que todas as administracións, a xustiza e a sociedade actuemos unidas na prevención, na vixilancia e na condena sen paliativos a estes delitos. Agora toca tamén traballar na recuperación dos espazos e en apoiar aos veciños afectados. A Deputación da Coruña e o Consorcio de Bombeiros estarán ao lado do Concello de Camariñas e da veciñanza de Xaviña en todo o que precisen", afirmou Formoso.
A alcaldesa de Camariñas agradeceu a implicación de todas as administracións e subliñou a importancia de que os concellos pequenos conten con medios suficientes para actuar de inmediato. A rexedora camariñá incidiu en que no caso de Xaviña, "O Concello de Camariñas, coa axuda dos concellos veciños Vimianzo e Muxía, fomos os que afrontamos as primeiras horas de lume antes da chegada de máis efectivos e motobombas da Xunta e da UME. Somos os que coñecemos o terreo e as pistas, e por iso é fundamental reforzar os equipos de Protección Civil nos municipios. Contamos cun camión de bombeiros financiado pola Deputación no seu día, pero hai que seguir mellorando os recursos para responder con máis eficacia en situacións así".
Formoso amosou tamén a súa preocupación polo balance xeral desta tempada de lumes, que xa deixa máis de 4.000 hectáreas calcinadas en Galicia, superando as cifras de todo o ano pasado. Sinalou que "cada hectárea queimada tardará anos en recuperarse" e que "a loita contra esta lacra require unidade e compromiso de toda a sociedade".