Estás en:Emprego

Os espazos de traballo da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña manteñen a súa intensa axenda de actividades durante o verán

Os 11 espazos da Rede acollerán unha nova edición da Rede Coworking Fest en setembro

Os espazos de traballo da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña manteñen a súa intensa axenda de actividades durante o verán

Coworkers no Pazo de Arenaza (Oleiros)

Durante este verán, os 11 coworkings integrantes da Rede da Deputación da Coruña continúan a súa actividade de fomento do emprendemento e da actividade empresarial.

O verán é unha época de especial dinamismo nos espazos de transformación agroalimentaria da Fusquenlla (Moeche) e Transformando en Brión, xa que é a época de máis variedade e cantidade de froitas e hortalizas nas hortas da provincia e, consecuentemente, de maior actividade nestes obradoiros colaborativos.

Ademais os produtos elaborados nestes espazos contaron protagonismo especial no acto de entrega da VII edición dos Premios PEL, xa que as conservas elaboradas na Fusquenlla e en Transformando en Brión foron entregadas como agasallo ás persoas asistentes ao evento.

As colaboracións durante este período tamén se atopan en plena produción, multiplicando sinerxías con outros espazos da Rede, xurdindo novos proxectos e empresas, ampliándose os contactos e o número de persoas interesadas en coñecer esta fórmula de futuro para o rural na que a Deputación da Coruña é pioneira.

Así, o Espazo A Proa de Ames está a colaborar tanto con Transformando en Brión como no Coworking A Pobra en diversas iniciativas e, este último á súa vez, organizou actividades conxuntas co Coworking A Capela.

Tamén as produtoras da Fusquenlla e Transformando en Brión contarán cun stand no Pantin Classic Galicia Pro do 23 ao 31 de agosto para dar a coñecer os seus produtos.

Pola súa banda, o coworking A Fusquenlla de Moeche porá en marcha un Campus Rural, que ofrecerá formación en emprendemento e competitividade empresarial, ademais de exercer a titorización individual de cinco proxectos emprendedores.

Tamén o coworking A Pobra aproveitou o bo tempo para realizar unha travesía de emprendemento con perspectiva de xénero: un proxecto colaborativo organizado entre sete coworkers que tiña como actividades principais a travesía náutica de emprendemento e un taller de xestión emocional. Debido á boa acollida deste iniciativa realizarase unha segunda edición o 16 de setembro.

Os demais coworkings da Rede continuaron a acoller eventos e accións formativas de grande interese para persoas emprendedoras como, por exemplo, o curso organizado no Coworking Dixital Ccompostela sobre ferramentas de intelixencia artificial para o marketing dixital ou os do coworking A Capela sobre creación de vídeos breves e fotografía para redes sociais.

Por outra banda, o coworking do Pazo de Arenaza, en Oleiros, acolleu o evento Tecendo Redes, organizado polos coworkers da empresa Permae Ser, un encontro profesional coas súas principais empresas colaboradoras e provedoras, centrado en reforzar a súa rede de traballo arredor da sostibilidade, a transición enerxética e a economía circular.

Segunda edición do Rede Coworking Fest

A semana do 15 ao 21 de setembro celebrarase a segunda edición do Rede Coworking Fest. Os 11 espazos que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña organizarán unha ampla programación de eventos de diversa tipoloxía: formacións especializadas, xornadas de portas abertas, visitas, obradoiros e charlas de especialistas, asesoramento especializados a persoas emprendedoras, encontros empresariais sectoriais, etc.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento local, dar a coñecer os servizos que a Rede de Coworking da Deputación ofrece aos emprendendores e emprendedoras da provincia en cada un dos seus 11 centros, fomentar as sinerxías e redes de contacto que permitan crecer ás empresas e apoiar aos sectores clave na provincia, xa que cos coworkings son especializados por áreas.

Na súa primeira edición organizáronse un total de 28 eventos que supuxeron máis de 100 horas de actividades para dar a coñecer a todas as persoas interesadas os servizos e actividades que se ofrecen nos espazos de traballo colaborativo que conforman a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o coworking A Capela, o centro de emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño).

Máis información sobre a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña na web: https://redecoworking.pel.gal/

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X