Estás en:Emprego

Corcubión acolle a exposición da Deputación “Sinaladas”, que difunde a loita das mulleres galegas no século XX

A deputada de dereitos civís, Sol Agra; o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez; a concelleira de igualdade, María do Pilar Tubío e o concelleiro de cultura, Juan Carlos Cristino, inauguraron a mostra, que poderá visitarse ata o 25 de agosto na Praza Castelao

"Desde a área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación mantemos o compromiso coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas, así coma a das loitas colectivas da época", destacou Sol Agra

Corcubión acolle a exposición da Deputación “Sinaladas”, que difunde a loita das mulleres galegas no século XX

A exposición itinerante da Deputación da Coruña "Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión" xa está en Corcubión, onde permanecerá ata o 25 de agosto na Praza Castelao. A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra; o alcalde, Xabier Domínguez; a concelleira de igualdade, María do Pilar Tubío e o concelleiro de cultura, Juan Carlos Cristino, inauguraron a mostra, que nace co obxectivo de ofrecer unha visión global da memoria das mulleres galegas.

"É a historia de mulleres que, por non conformarse coas imposicións inxustas e por defender os seus dereitos e a xustiza social, foron perseguidas, reprimidas, asasinadas e todas elas quedaron sinaladas. E despois, todo foi silencio, ficaron desaparecidas da historia, ou o que é aínda peor, foron contadas por un relato misóxino que se fixo especialmente insultante no franquismo, que as converteu en vítimas da exclusión, da marxinación, cando non do encerramento no Padroado da Muller" apuntou a deputada. "·Sinaladas é a contestación irreverente a esa condena inxusta, o rexistro da memoria oculta que as mulleres gardaron para transmitírnola como legado".

Agra reafirmou o compromiso da área de igualdade da Deputación "coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas; tanto mulleres senlleiras como María Casares, como outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o golpe de estado do 36". A titular de igualdade destacou a "importancia" de que "toda a historia poida chegar tamén ó ensino, por iso adaptamos esta exposición para espazo interior, e conta cunha unidade didáctica para que poda traballarse nos centros educativos, pode ser solicitada a través do SUBTEL da Deputación por calquera colexio, instituto e entidade da provincia."

O alcalde, Xabier Domínguez, salientou que "grazas ao proxecto de recuperación do espazo público que o Concello puxo en marcha este mes de agosto, esta exposición pódese levar a cabo na Praza Castelao, no marco do proceso de humanización para o casco histórico de Corcubión". O edil de Cultura, Juan Carlos Cristino Lago, declarou que "desde o equipo de goberno seguiremos dotando de contido a praza do centro da vila, con diversas iniciativas e actividades, aproveitando os espazos que agora están libres de circulación de vehículos". Pola súa banda, a concelleira de Muller, Igualdade e Servizos Sociais, Pilar Tubío Lariño, subliñou que "esta exposición serve para pór en valor a mulleres galegas que loitaron por un país máis xusto e igualitario, desde diferentes vertentes da sociedade; é importante lembrar o labor que fixeron, e reiteramos que na loita feminista aínda queda traballo por facer".

A exposición
"Sinaladas" é unha proposta que o departamento de Cultura da Deputación puxo en marcha en 2023 co obxectivo de divulgar a figura de mulleres e dos movementos activistas femininos para ofrecer unha visión global da súa memoria durante cen anos de historia, desde finais do século XIX ata o remate do século XX.

Artellada en 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes que contan a historia de 540 mulleres, "Sinaladas" está dividida en trece estruturas. A primeira é de presentación e as doce seguintes de contidos divididos por temáticas. Os catro primeiros céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras pola súa loita. Os catro seguintes, no período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla. E os catro últimos no mantemento da represión contra as mulleres despois do 36, da posguerra e mesmo da morte do ditador, así como na permanencia da súa loita, imprescindíbel na consecución da democracia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X