A Deputación da Coruña e o Concello de Cee investirán medio millón de euros na reforma integral do complexo deportivo de San Paio de Refoxos
As obras inclúen a construción dun novo campo de futbol 7 de herba artificial e importantes melloras na accesibilidade e saneamento das instalacións deportivas
Valentín González Formoso e Margarita Lamela asinaron hoxe o convenio para executar as obras, que serán financiadas pola Deputación nun 80%

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, asinaron este venres un convenio de colaboración para cofinanciar as obras de reforma integral do complexo deportivo de San Paio de Refoxos. O investimento total ascende a 496.707,84 euros, dos cales a Deputación aportará o 80% (397.366,27 €), mentres que o 20% restante será financiado polo Concello de Cee con recursos propios.
O convenio ten como principal obxectivo a construción dun novo campo de fútbol 7, así como resolver a canalización de pluviais e o saneamento, crear un acceso peonil ao recinto a través dunha senda, renovar a estrada de acceso e ampliar a zona de aparcamento.
"Trátase dun proxecto que contempla importantes melloras non só no eido deportivo, coa construcción dun novo campo de herba artificial que facilitará os adestramentos dos equipos locais, senón tamén mellorando a accesibilidade, seguridade e servizos das instalacións, como o aparacamento", afirmou a alcaldesa, que agradeceu a colaboración da institución provincial para facer realidade esta demanda do goberno municipal.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta actuación "é un exemplo do noso compromiso cos concellos e coa mellora das instalacións deportivas da provincia. Con proxectos coma este, contribuímos a crear espazos máis accesibles, modernos e axeitados ás necesidades dos equipos locais de fútbol e atletismo", afirmou.
As obras suporán a construción dun campo de fútbol 7 de herba artificial de última xeración anexo ao actual, rodeado por unha beirarrúa de formigón que delimitará o espazo e incluirá un sistema de rego por canóns. Ademais, abordarase a canalización das augas pluviais mediante unha infraestrutura soterrada formada por tubos de formigón armado conectados ao sistema xa existente.
En canto ao drenaxe do terreo, realizarase unha zanxa drenante cunha pendente mínima do 0,50%, equipada con tubos ranurados de PVC de dobre parede e envolta en xeotéxtil, para garantir unha correcta evacuación das augas subterráneas. Esta estrutura complementarase cunha cuneta triangular de formigón e unha capa de grava, garantindo o desaugadoiro eficiente do campo.
Tamén se executará unha senda peonil que permitirá un acceso seguro e cómodo ao recinto deportivo desde a estrada renovada, que tamén se verá mellorada como parte do proxecto. Por último, executarase unha rede de augas residuais que recollerá a rede interior dos vestiarios e a lavandería, canalizándoa ata a rede de augas fecais existente, aproveitando esta intervención para renovar o firme da calzada de acceso ás instalacións.