Estás en:Emprego

A Deputación buscará en Lousame os restos de Manuel García Hermo, asasinado durante o golpe de estado de 1936 e cuxo corpo aínda non apareceu

A área de dereitos civís, liderada pola deputada Soledad Agra, financia estes traballos co cofinanciamento da FEMP

"A busca dos mortos que aínda quedan nas cunetas e fosas comúns de moitas partes de Galiza é un deber moral e un deber legal. Non poderemos camiñar nunha sociedade plenamente democrática se os nosos pés pisan os cadáveres das persoas que loitaron polos dereitos dos que hoxe desfrutamos" sinalou a deputada

A Deputación buscará en Lousame os restos de Manuel García Hermo, asasinado durante o golpe de estado de 1936 e cuxo corpo aínda non apareceu

A Deputación da Coruña, desde a área de Dereitos Civís, e co cofinanciamento da FEMP, comezará o vindeiro día 14 os traballos de busca de Manuel García Hermo, a instancia da súa filla Carmen García Neira, que ten 100 anos e leva buscando a seu pai desde que, durante o golpe de estado de 1936, foi secuestrado á saída do seu traballo en Ribeira, cando ela tiña 11 anos. Así se presentou esta mañá o inicio dos traballos de exhumación, na porta do cemiterio de Vilaboa, nun acto no que estaban presentes tamén, ademais da deputada, Sol Agra; a alcaldesa de Lousame; Teresa Villaverde e os portavoces dos grupos políticos da oposición; o cura párroco; o forense Fernando Serrulla, coordinador dos traballos; o arqueólogo Andrés Bonilla; e por parte da familia do buscado, estaba o seu neto de Ribeira, Marcial García.

"A busca dos mortos que aínda quedan nas cunetas e fosas comúns de moitas partes de Galiza é un deber moral e un deber legal. Non poderemos camiñar nunha sociedade plenamente democrática se os nosos pés pisan os cadáveres das persoas que loitaron polos dereitos dos que hoxe desfrutamos" sinalou a deputada, Sol Agra. "Non é unha cuestión de nostalxia, nin de vinganza, é un acto de reparación e xustiza. Precisamos recuperar a memoria para que a historia se coñeza e se devolva a dignidade ás vítimas e ás súas familias".

Agra engadiu que "aquí non houbo unha batalla con mortos dos dous lados, Manuel García Hermo non era un soldado que perdeu a vida na guerra, non pertencía a ningún exército, foi secuestrado e asasinado por defender a legalidade vixente, a democracia fronte á tiranía, os dereitos fronte á opresión. Atopalo e devolverlle os seus restos á súa filla é o noso deber e o noso empeño. Porque antes de nós houbo outras, e é importante poñerlles nomes, saber da súa historia, para recordar que desas outras persoas vimos e non queremos que queden no esquecemento" .

Equipo de traballo
O equipo que levará a cabo as labores de busca da fosa e exhumación está formado pola empresa de arqueoloxía Prospectiva y Análisis Arqueólogos S.L.P., dirixida polo arqueólogo Andrés Bonilla, coa colaboración do antropólogo forense Fernando Serrulla, do Instituto de Medicina Legal de Galicia. A familia conta co apoio institucional da Deputación da Coruña, que financia o proxecto con fondos propios e axudas proporcionadas a través da Federación Española de Municipios e Provincias. A empresa de xornalismo audiovisual Xarda documentará a intervención e realizará un documental sobre a difícil e desafiante historia dunha filla que leva 89 anos buscando ao seu pai.

Por primeira vez en Galicia, todo o proceso conta co apoio e a supervisión da Fiscal de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da provincia da Coruña, a Sra. Encarnación Mayán Santos, en aplicación da vixente Lei de Memoria Democrática e en coordinación coa Unidade de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da Fiscalía Xeral do Estado. A busca comezará o 14 de xullo de 2025 no cemiterio de Vilacoba, coa esperanza de que remate o venres 18 de xullo.

Ademais, durante esta investigación intentarase localizar outras catro vítimas que tamén poden estar enterradas nalgunha fosa común neste cemiterio: os tres asasinados no chamado "crime de Marcelle" en febreiro de 1938: Perfecto Félix Vilas Romero, María Xosefa Becerra Laíño e Antonio Vilas Romero; e o mineiro asturiano Avelino Méndez Suárez. Calquera información que poida axudar ao equipo a localizar os restos destas persoas ou das súas familias contribuirá a esclarecer a verdade, acadar xustiza, proporcionar as reparacións necesarias e garantir que estas mortes innecesarias non sexan esquecidas.

O acceso á investigación no cemiterio de Vilacoba será gratuíto, e os resultados explicaranse diariamente ao remate do traballo.

Investigacións previas
A familia de Manuel solicitou ao equipo multidisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto de Medicina Legal de Galicia a busca, recuperación, identificación e devolución dos restos do seu pai, Manuel García Hermo, no marco do Plan Cuatrienal de Exhumación en Galicia do Goberno de España. En 2022, o devandito equipo rexistrou o cemiterio de Vilacoba (Lousame, A Coruña) e atopou os restos dun home con signos de violencia. Desafortunadamente, a análise xenética confirmou que os restos deste home non eran os de Manuel García Hermo.
Carmen García Neira, a súa filla, Elena Neira, e outros membros da familia decidiron iniciar unha segunda busca tras obter nova información proporcionada pola Arquidiocese de Santiago de Compostela e o historiador local Xerardo Agrafoxo. Novas informacións confirman que os restos mortais de Manuel García Hermo están no interior do antigo cemiterio parroquial de Vilacoba (Lousame, A Coruña).

A historia de Manuel García Hermo
O 30 de agosto de 1936 Manuel García Hermo foi secuestrado en Santa Uxía de Ribeira. Camiñaba cara á súa casa cando o obrigaron a subir a un coche. O seu corpo foi atopado ese mesmo día nunha gabia preto de Comparada (Vilacoba). Morreu como consecuencia de feridas de bala. Segundo as dilixencias xudiciais abertas nese momento, foi enterrado no cemiterio parroquial de Santa Eulalia en Vilacoba por orde do xuíz José María Spetch. Descoñécese o lugar exacto do seu enterramento. Manuel García Hermo, xastre de profesión, era coñecido non só en Ribeira, onde vivía, senón en toda a zona da ría de Arousa, pola alta calidade do seu traballo. Tiña un taller de xastrería cun equipo de sete mulleres que traballaban con el. Pola súa profesión, coñecía a moita xente. Era membro do Partido Socialista Obreiro Español. Algúns dos seus amigos fuxiron do país, outros foron executados. Todos coñecían a súa afiliación política e o seu carácter progresista, un home culto que presentaba brillantemente os seus argumentos entre amigos. Esta foi a razón pola que decidiron asasinalo os golpistas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X