Estás en:Emprego

A Deputación presenta ‘Saudade’, un evento que reunirá a 13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín de todo o Estado do 13 ao 15 de xullo na provincia da Coruña

O vicrepresidente, Xosé Regueira, presentou esta mañá o evento, acompañado dos chefs Lucía Freitas e Manuel Costiña, e as produtoras locais de Queixo Galmesán e Chichalovers, que formarán parte do programa

'Saudade' poñerá en valor os produtos do mar e da terra, durante dúas xornadas que terán lugar na Pobra do Caramiñal; Ribeira; Santiago de Compostela e Coristanco, previa inauguración en Santa Comba, no Retiro da Costiña

"O obxectivo deste encontro é poñer en valor a autenticidade do noso territorio e dos nosos produtos, e por suposto o bo facer dos nosos profesionais, para que ese público de alto nivel se converta en prescritor da provincia" sinalou Regueira

A Deputación presenta ‘Saudade’, un evento que reunirá a 13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín de todo o Estado do 13 ao 15 de xullo na provincia da Coruña

Fortalecer a identidade gastronómica da provincia da Coruña e fomentar a súa promoción en todo o Estado é o principal obxectivo do proxecto 'Saudade', presentado esta mañá polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, na praza de Abastos compostelá, nun acto no que tamén participaron os chefs Lucía Freitas e Manuel Costiña, e as produtoras Carmela Cano, de Queixo Galmesán e Graciela Castro, de Chichalovers, que formarán parte da programación deste evento.

13 chefs con máis de 20 estrelas Michelín
O proxecto desenvolverase os próximos días 14 e 15 de xullo en diferentes puntos da provincia (Santa Comba, Santiago, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Coristanco), e contará coa participación dun selecto grupo de reputados e reputadas chefs de todo o Estado, que suman máis de 20 estrelas Michelín, e que viaxarán á provincia da Coruña para explorar, descubrir e mergullarse nos recursos gastronómicos e os produtos autóctonos que fan único o territorio. Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla, varios con 2 e 3 estrelas Michelin, son os grandes nomes que participarán no evento, e aos que acompañarán xornalistas e prescritores e prescritoras de prestixio do ámbito gastronómico.

"Temos un tesouro nos fogóns, nas empresas produtivas e no territorio"
O vicepresidente, Xosé Regueira, explicou o obxectivo do evento: "Poñer en valor a autenticidade do noso territorio e dos nosos produtos, e por suposto o bo facer dos nosos profesionais, para que ese público de alto nivel se converta en prescritor da provincia. E celebrar que seguimos sendo un territorio con identidade, auténtico e gastronómico grazas ao noso sector agroalimentario". Así, sinalou que "os chefs que non veñen a cociñar, senón a maridar territorio, produto, gastronomía" en liña coa estratexia turística da Deputación, "que aposta polo que fomos, somos e queremos ser". Neste sentido apuntou a "un futuro sustentable, de cociña de alta calidade e de compromiso co territorio" e fixo referencia ao propio termo de 'saudade', "reivindicando de onde vimos e poñendo en valor a xente que nos trouxo ata aquí, que fixo deste país un territorio produtivo de primeiro nivel". Ademais, apuntou que o evento servirá para reflexionar "sobre a necesidade de non perder a nosa identidade, protexer o que temos e velar polo futuro do planeta" xa que "temos un tesouro nos fogóns, nas empresas produtivas e no territorio".

Os chefs e produtoras asistentes agradeceron o traballo da Deputación da Coruña. "Somos a parte de Galicia que máis se move en prol da gastronomía e do territorio porque hai xente detrás que ten ese sentimento e paixón por todo o que nos rodea", sinalou Lucía Freitas. "E boa mostra diso é Saudade. Para min isto é o futuro; a mellor maneira de fomentar os produtos, os lugares e produtores é a través de convivencias como esta, para que os asistentes poidan respirar e vivir como nos, probar produtos e ser subscritores". Manolo Costiña puxo en valor o traballo dos produtores "que temos que mimar e coidar, e preocuparnos de que Galicia sexa a despensa en produtos de alta calidade". Neste sentido, sinalou que no seu caso "o que máis lle sorprende á xente que nos visita é a materia prima que temos ao redor".

Pola súa banda, Graciela Castro, de Chichalovers, destacou que é "unha forma marabillosa de darlle visibilidade a proxectos como o noso. É moi importante poñer en valor territorio e cultura, seguir traballando polo noso e amosalo ao mundo, e que se vexa o traballo o que hai detrás e todo o que se pode facer volvendo a terra". Carmela Cano, de queixo Galmesán, salientou a "visión" da Deputación "de unir territorio, produto e gastronomía como unha fonte de riqueza", así como a aposta por pequenos produtores "permitíndonos ocupar espazos que doutro xeito non poderiamos". Carmela tamén celebrou "a riqueza da provincia, que nos permite falar do territorio a través dos produtos".

Primeira xornada, adicada ao mar, no Barbanza
Haberá dúas xornadas temáticas, unha dedicada ao mar e outra á terra. Así, os participantes poderán vivir de preto o luns 14 o proceso de captura e preparación dos mellores produtos do mar, desde a súa orixe ata a mesa. Para iso visitarán durante a tarde (17.00 h), a lonxa de Ribeira e gozarán dunha experiencia marítima a cargo dun bateeiro, onde tomarán contacto co proceso de cultivo do mexillón. A xornada completarase cunha visita á adega Entre os ríos, na Pobra do Caramiñal, na que haberá unha cata de viño maridada con conservas, unha comida no corazón da comarca do Barbanza e unha cea no Mercado de Abastos de Compostela.

Segunda xornada, adicada á terra, en Bergantiños
En canto á xornada do día 15, dedicada á terra, terá lugar en Coristanco; e as actividades previstas poñerán en valor os produtos do campo, dando a coñecer tamén os procesos de cultivo sostible e o seu papel na gastronomía contemporánea. Así, o programa inclúe un encontro con produtores locais da provincia, profesionais do sector e chefs para compartir e intercambiar opinións e experiencias.

  • Haberá unha primeira mesa de debate, ás 12.00 horas, sobre 'Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria', na que participarán o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D'Lujo.
  • A continuación, ás 12.30 horas, celebrarase unha segunda mesa de debate ao redor do tema 'Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional', na que participarán os chefs Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex. A xornada finalizará cunha comida tradicional.

Un proxecto, en definitiva, deseñado para resaltar a excelencia e diversidade dos produtos locais, e que brindará aos participantes a oportunidade de vivir unha experiencia sensorial única, permitíndolles conectarse coa orixe e a elaboración de cada ingrediente.

Entre as empresas participantes figuran A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D'Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X