O Delas Fest celebra a súa sétima edición co apoio da Deputación
Neste 2025, o festival feminista de arte urbana contextual trae catro novas intervencións murais a cargo de artistas nacionais e internacionais
O deputado provincial Xosé Penas, destacou que "este tipo de eventos son máis que necesarios para reivindicar a liberdade creativa e a igualdade de xénero, pero sobre todo a visibilización das mulleres artistas"

O Delas Fest, festival feminista de arte urbana contextual pioneiro en Europa, celebrou esta mañá a presentación da súa sétima edición na Sala de Prensa do Pazo de Raxoi. A cita contou coa presenza de representantes dos concellos de Santiago, Brión e Negreira, así como da Deputación da Coruña, unha das entidades que apoia de forma decidida esta iniciativa cultural con perspectiva de xénero, xunto coa cooperativa 7H, promotora do festival.
Durante o acto, o deputado provincial de Contratación e Patrimonio, Xosé Penas, puxo en valor o compromiso da Deputación co festival, destacando a súa relevancia tanto artística como social. "Son máis que necesarios os festivais, actos, xuntanzas ou o que sexa que fagamos as administracións para reivindicar a liberdade creativa e a igualdade de xénero e sobre todo visibilización das mulleres artistas", sinalou. O deputado incidiu tamén na importancia de tecer redes entre institucións e entidades privadas: "é sumamente importante que todos os actos culturais e patrimoniais transcendan a localidade e irradien territorio", subliñando que "entre todos podemos chegar moito máis lonxe".
Tamén participaron na presentación Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago; M. Ángel Leis, alcalde de Negreira; Sandy Cebral, concelleira de Cultura de Brión; e Clara R. Cordeiro, en representación de 7H Cooperativa Cultural. Todas as intervencións destacaron o carácter transformador do festival, que combina arte contemporánea e participación cidadá con perspectiva feminista.
O programa do Delas Fest 2025
A presente edición do Delas Fest contará con catro novas intervencións murais a cargo das artistas María Peña-Mapecoo, Hanna Lucatelli, Galleta María e Tamara Baz. Os murais executaranse entre o 10 e o 16 de xullo en Santiago de Compostela, e do 17 ao 24 nos concellos de Brión e Negreira, recentemente incorporado ao festival. As artistas, procedentes de diferentes puntos do Estado e de Brasil, mergullaranse nas historias e identidade dos barrios a través de encontros coa veciñanza que xa comezaron en xuño e continúan esta semana.
Estas xuntanzas permitirán elaborar os bosquexos das obras, que serán presentados publicamente antes do inicio das intervencións. A metodoloxía participativa do festival reflicte a vontade de 7H Cooperativa Cultural por recoñecer e visibilizar os saberes das mulleres e a memoria local.
Ademais, o festival continúa en setembro coa súa programación expandida, que inclúe a terceira edición do Familia Delas Fest e actividades nos centros de ensino dos tres concellos participantes, reforzando así o seu obxectivo de achegar a arte urbana feminista a públicos de todas as idades.