Estás en:Emprego

A Deputación financia con 250.000 euros o novo céspede artificial do campo de fútbol de Cerceda

Valentín González Formoso e Juan Manuel Rodríguez asinaron o convenio para a execución da obra, que a institución provincial sufragará nun 80 %, mentres que o Concello achegará o 20 % restante

A Deputación financia con 250.000 euros o novo céspede artificial do campo de fútbol de Cerceda

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, asinaron hoxe o convenio ao abeiro do cal se renovará a superficie do campo de herba artificial situado no complexo deportivo do Roxo. Para acometer as obras, a institución provincial achegará 250.225,55 euros, cantidade que representa o 80 % dos 312.781,94 euros que recolle como orzamento o proxecto de execución (impostos incluídos). O Concello asumirá o 20 % restante
Tras unha década en servizo, o céspede sintético do campo cercedense presenta un acusado desgaste, debido ao uso intensivo que se fai das instalacións, de modo que chegou á fin da súa vida útil. Ao mesmo tempo, a base na que se asenta a herba artificial presenta un notable deterioro, como tamén o sistema de recollida de augas.
Para subsanar esas deficiencias, adoitarase unha solución máis moderna, cun céspede artificial de última xeración asentado sobre unha nova base elástica prefabricada. Actuarase sobre unha superficie de 7.300 metros cadrados, dentro dos que se inclúen o terreo de xogo e as súas marxes. Arredor delas, renovaranse as reixas superiores da canle de recollida de augas.
O prazo de execución que contempla o proxecto é de seis semanas a partir da sinatura da acta de traza de planta. A nova superficie contará cunha garantía mínima de dous anos tras a recepción da obra.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X