Cariño acolle unha xuntanza para abordar o estado do PSTD do Xeoparque Cabo Ortegal
O vicepresidente, Xosé Regueira, e os alcaldes e alcaldesas dos concellos implicados participaron na sesión informativa, onde se presentou o estado de situación das actuacións deste Plan de Sustentabilidade Turística en Destino
Regueira puxo en valor este proxecto, "que diversifica produto e ofrece unha tipoloxía de turismo diferente, responsable e de futuro"
Un catálogo de experiencias turísticas, o intercambio de experiencias con outros Xeoparques certificados e a publicación dunha guía da paisaxe son algunhas das medidas desenvolvidas no marco Plan de Sostibilidade Turística en destino do Xeoparque Cabo Ortegal financiado con fondos NextGenerationEU

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira mantivo hoxe un encontro en Cariño para dar conta aos alcaldes e alcaldesas da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal dos avances do Plan de Sostibilidade Turística do Xeoparque financiado con fondos NextGenerationEU e destinado ao desenvolvemento das empresas da cadea de valor do turismo e a promoción eficaz dos recursos deste territorio recoñecido pola UNESCO.
Regueira puxo en valor este proxecto, "que contribúe á diversificación dos produtos turísticos e ofrece unha tipoloxía de turismo diferente, responsable e de futuro". O vicepresidente tamén puxo en valor os recursos do territorio, "paisaxe, gastronomía, natureza, e unha certificación UNESCO como a que acadamos para o Xeoparque Cabo Ortegal. "Todo isto", engadiu, "supón un impacto socioeconómico moi positivo para a poboación residente, e tamén para a mocidade, con máis oportunidades de emprender e de asentarse aquí".
No encontro, ademáis de explicar os avances realizados no conxunto do Plan, presentáronse as novas actuacións que se desenvolverán este verán destinadas a mellorar a comercialización e a promoción do Xeoparque no territorio nacional. A primeira delas é a creación dun catálogo de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal no que se poden atopar propostas ofrecidas por diferentes empresas turísticas do territorio e das que disfrutar durante todo o ano. O catálogo será presentado ante o sector da comercialización turística o vindeiro 17 de xullo na cidade da Coruña.
A segunda das actuacións é a elaboración dunha guía da paisaxe que recolla, mediante rutas temáticas, os principais recursos naturais, culturais e xeolóxicos do territorio de modo que se poidan facer percorridos no territorio adaptados a diferentes opcións de pernocta e as preferencias das persoas visitantes. A guía contará con espectaculares imaxes dos recursos máis senlleiros en formato 360 e un mapa interactivo que permita establecer un plan de viaxe personalizado e acceder a detalles do destino en tempo real.
Por último, tamén está en marcha a organización dunha acción de networking e intercambio de experiencias con dous xeoparques certificados de referencia como son o Xeoparque Villuercas-Ibores-Jara en Extremadura e o Xeoparque de Arouca en Portugal. O obxectivo é mellorar as habilidades e coñecemento das empresas de Ortegal para un desenvolvemento sostible do territorio e a creación dunha oferta turística adaptada aos valores singulares do destino.
O vicepresidente, ademais, animou aos representantes institucionais dos concellos e a todos os axentes turísticos do Xeoparque Cabo Ortegal a que aproveiten as accións contempladas neste plan dotado con 1.500.000 euros para convertir o territorio nun destino competitivo e cunha oferta consolidada.