Estás en:Emprego

Culleredo acolle a exposición da Deputación “Sinaladas” para difundir a loita das mulleres galegas no século XX

Poderá visitarse na praza de Galicia ata o 14 de xullo

"Esta é a historia de mulleres sinaladas, destacadas, que por non conformarse foron perseguidas, reprimidas, asasinadas e todas elas quedaron sinaladas. E despois, todo foi silencio, ficaron desaparecidas da Historia, ou o que é aínda peor: foron contadas por un relato misóxino que se fixo especialmente insultante no franquismo, que as converteu en vítimas da exclusión, da marxinación, cando non do encerramento" sinalou a deputada, Soledad Agra, durante a inauguración

Culleredo acolle a exposición da Deputación “Sinaladas” para difundir a loita das mulleres galegas no século XX

O concello de Culleredo acolle a exposición itinerante da Deputación da Coruña "Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión" logo de pasar por Fene. Poderá visitarse ata o 14 de xullo na praza de Galicia, onde se inaugurou esta mañá nun acto no que participaron a deputada de Igualdade, Soledad Agra; o alcalde, José Ramón Rioboo e parte da corporación municipal.

"Esta é a historia de mulleres sinaladas, destacadas, que por non conformarse foron perseguidas, reprimidas, asasinadas e todas elas quedaron sinaladas. E despois, todo foi silencio, ficaron desaparecidas da historia, ou o que é aínda peor: foron contadas por un relato misóxino que se fixo especialmente insultante no franquismo, que as converteu en vítimas da exclusión, da marxinación, cando non do encerramento" sinalou a deputada. "A través destes paneis instalados na rúa podemos achegarnos á Memoria Histórica: desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia".

Soledad Agra salientou o "compromiso" da Deputación "coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, tanto das máis coñecidas como María Casares, como outras como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo" e fixo referencia á historia dunha muller do concello de Culleredo, Amparo López Jeán, que tamén aparece na exposición. "Nada aquí,e n Vilaboa, no 1885, é a primeira muller que milita no Partido Galeguista coruñés. Secretaria e logo presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña, en xullo do 36 está en Soria, onde o home, César Alvajar, é gobernador civil. Coa filla pequena, Teresa, van a Valencia, Madrid e Barcelona, onde Amparo é secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas e vogal do PG. A derrota sepáraa momentaneamente da familia e cruza a fronteira cun grupo de crianzas. Morre no campo de Moutauban, en Francia, no 1942."

O alcalde, José Ramón Rioboo, afirmou que "inaugurar hoxe esta mostra é un acerto por un motivo fundamental: lémbranos que non debemos esquecer o alto custo que tivo a conquista dos nosos dereitos. Fálanos da loita de grandes mulleres pola consecución de moitos dereitos fundamentais, dereitos que hoxe, case un século despois, póñense en dúbida e mesmo algúns queren erradicar da nosa democracia".

A exposición
"Sinaladas" é unha proposta que o departamento de Cultura da Deputación puxo en marcha en 2023 co obxectivo de divulgar a figura de mulleres e dos movementos activistas femininos para ofrecer unha visión global da súa memoria durante cen anos de historia, desde finais do século XIX ata o remate do século XX.

Artellada en 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes que contan a historia de 540 mulleres, "Sinaladas" está dividida en trece estruturas. A primeira é de presentación e as doce seguintes de contidos divididos por temáticas. Os catro primeiros céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras pola súa loita. Os catro seguintes, no período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla. E os catro últimos no mantemento da represión contra as mulleres despois do 36, da posguerra e mesmo da morte do ditador, así como na permanencia da súa loita, imprescindíbel na consecución da democracia.

Logo de en Culleredo, a mostra fará parada en Santiago de Compostela (do 29 xullo ao 11 agosto), Corcubión (do 12 ao 24 agosto) e Ribeira (datas por confirmar).

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X