Comeza a nova campaña de Lingua da Deputación para desmontar prexuízos: #NaLinguaConOrgullo
Impulsada pola área de Normalización Lingüística, esténdese nas redes sociais da Deputación dende hoxe, 1 de xullo, facendo un repaso de tópicos e prexuízos arraigados na sociedade.
A deputada de Lingua, Soledad Agra, lembrou que a reflexión sobre estas inercias é un chanzo necesario no camiño para que individual e colectivamente, comprendamos o seu impacto

Co lema #NaLinguaConOrgullo iníciase hoxe a campaña coa que a Deputación da Coruña, a través da Área de Lingua, debulla unha escolma dalgúns dos máis comúns prexuízos que obstaculizan o uso da lingua galega con normalidade na vida cotiá das persoas. A deputada de Lingua, Soledad Agra, lembrou que a reflexión sobre estas inercias é un chanzo necesario no camiño para que individual e colectivamente, comprendamos o seu impacto. #NaLinguaConOrgullo súmase así ás iniciativas da Deputación para "dar alento e contribuír a unha sociedade respectuosa e orgullosa da nosa cultura e protagonista na dinamización da nosa lingua".
As dúbidas das pequenas empresas e autónomos para encargar publicidade e materiais en galego, os desprezos acerca do uso da nosa lingua para falar de ciencia ou tecnoloxía ou os reparos para usar o galego para mocear ou para crear contidos para as redes sociais, son algúns doutros temas dos que se ocupa #NaLinguaConOrgullo. Nese sentido, a campaña, que inclúe á vez os cancelos #NaLinguaConOrgullo e #DesmontandoPrexuízos, quere contribuír á toma de conciencia sobre estas situacións e ser estímulo para que as persoas asuman un rol afouto e protagonista no futuro da lingua galega.
Charlas e contidos didácticos
Como parte da iniciativa #DesmontandoPrexuízos, poñeranse tamén ao servizo do profesorado un conxunto de materiais pedagóxicos interactivos, que permiten acompañar unha sesión didáctica nas aulas sobre o libro 'Galaicofobia', de Alexandre Peres Vigo, obra que desde unha profunda vocación didáctica e máximo rigor histórico, analiza factores e claves históricas dos prexuízos que contribuíron a que ducias de xeracións galegas se distanciasen da súa lingua e cultura.
A Deputación da Coruña impulsa esta iniciativa na convicción de que o coñecemento da raíz e orixe destes prexuízos é necesario para que comprendamos o seu efecto na vida dos nosos devanceiros e as consecuencias no contexto actual.