Formoso chama á responsabilidade das forzas políticas de Touro para que o municipio non perda máis dun millón de euros do Plan Único
O presidente provincial visitou hoxe o municipio e ofreceu a mediación da Deputación para intentar desbloquear a situación, que prexudica a veciñanza do municipio
Este millón de euros representa arredor do 30% do orzamento municipal e o 90% dos investimentos do concello

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Touro, onde foi recibido polo alcalde, Roberto Castro Rocamonde, e os integrantes do goberno municipal. Na visita participaron tamén os deputados provinciais Bernardo Fernández e Antonio Leira.
Durante o encontro celebrado no salón de plenos do Concello, Formoso alertou da grave situación que vive o municipio por ser o único dos 93 da provincia que non aprobou en tempo e forma o Plan Único (POS+2025), debido á falta de acordo entre os grupos municipais para decidir o destino dos fondos.
As bases do Plan Único establecen que os investimentos aos que se destinarán os fondos deben ser aprobados polo pleno municipal. A falta deste acordo plenario no prazo estipulado imposibilita a transferencia dos fondos, o que supón un prexuízo directo para os veciños e veciñas.
Esta circunstancia fai que Touro perda este ano 753.250 euros da primeira achega do POS+2025, aprobada no pleno da Deputación do pasado venres para os restantes 92 concellos da provincia. A esta achega poden sumarse agora os 269.190 euros do plan adicional, que o Concello de Touro pode aprobar aínda mediante acordo plenario entre o 23 de xuño e o 12 de setembro.
De non haber acordo tampouco sobre a achega adicional, o municipio perdería máis de 1 millón de euros de investimentos este ano, o de maior orzamento do POS da historia da Deputación, con 116 millóns para todos os concellos da provincia.
Formoso alertou da singularidade deste escenario. "Dende a Deputación, estamos moi preocupados pola dinámica política do Concello. Vemos que é o único da provincia no que parece complicado sacar adiante un plan tan esencial para os municipios como é o POS, que no caso de Touro supón arredor do 30% do orzamento municipal e practicamente ao 90% dos investimentos do concello", subliñou.
O presidente provincial fixo un chamamento á responsabilidade das forzas políticas do municipio para deixar de lado os intereses partidistas e priorizar o ben común. "É urxente acadar un acordo que impida que Touro quede paralizado a nivel de investimentos", sinalou.
"Sempre somos moi respectuosos coa autonomía local e coa dinámica política de cada municipio. Nunca nos inmiscuímos salvo que se poñan en risco cartos que son de todos os veciños e veciñas de Touro", argumentou Formoso, que ofreceu que a Deputación xogue un papel mediador entre todos os grupos "para desbloquear os fondos provinciais e que o POS+2025 poida converterse, canto antes, en obras e servizos públicos que melloren a calidade de vida da veciñanza de Touro", apuntou.
O alcalde alerta de que se poden perder 300 euros por veciño
O alcalde agradeceu "a visita e o apoio do presidente da Deputación" e sinalou que "os fondos da Deputación son fundamentais para concellos coma o noso. Sen eles, sería complicado sacar adiante o día a día".
Roberto Castro Rocamonde explicou que a proposta de investimentos do Plan Único foi rexeitada polo Partido Popular no pleno "sen presentar unha proposta alternativa, máis que pedir a dimisión do alcalde", a pesar de que "algunhas das obras recollidas foran propostas no seu día polo propio PP". Ante esta situación decidiu remitir á Deputación un decreto da alcaldía coa solicitude das obras co obxecto de intentar salvar os fondos para o municipio.
O alcalde sinalou que a cantidade que pode perder o concello "é de 300 euros por veciño" e que supón "unha cifra moi importante para un concello pequeno como Touro"
Desde a súa creación, o Plan Único permitiu investir máis de 7,5 millóns de euros no municipio, financiando 81 obras, na súa maioría melloras de estradas e camiños rurais, actuacións de saneamento e abastecemento de auga ou construción de sendas peonís.
Tras a reunión no Concello, Formoso e o alcalde visitaron algunhas das actuacións executadas co POS en anos anteriores, como a senda peonil de Tarrío a Silva (Bama) ou o saneamento de Obra, exemplos do impacto positivo que ten o Plan Único na mellora dos servizos e infraestruturas do rural.
O presidente provincial reclama á Xunta incrementar o financiamento municipal
Noutra cuestión relacionada co financiamento dos concellos, Formoso esixiu á Xunta de Galicia un maior esforzo investidor en materia de apoio aos municipios. Fixo fincapé en que o organismo autonómico, a través do Fondo de Cooperación Local (FCL), investirá este ano menos cartos nos 313 concellos galegos que a Deputación da Coruña, mediante o POS+, nos 93 municipios da provincia.
"A nosa reclamación é clara: a Xunta debe incrementar a contía do Fondo de Cooperación Local ata un mínimo de 200 millóns de euros de forma inmediata", afirmou o presidente da institución provincial, lembrando que "os custos para os concellos cada vez son maiores e a Xunta, responsable neste eido, debe ser sensible".