Citania (Bos Aires, 1959-1963)
Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano da fundación da biblioteca ata a actualidade.

A historia da edición coruñesa vese tamén profundamente marcada pola importante emigración galega. Na nosa mostra "Notas para unha edición coruñesa" detémonos tamén nesas editoriais, vinculadas dalgún xeito á provincia, que continuaron o seu labor alén das fronteiras.
Un dos lugares centrais para emigración galega foi Bos Aires. Na postguerra moitos exiliados escolleron esta cidade e impulsaron unha forte dinamización cultural: durante estos anos Bos Aires foi a capital na que a intelectualidade galega, de todos os ámbitos, proxectaban unha Galicia ideal.
Citania, cuxo principal fundador foi Luis Seoane, nace neste contexto. Esta editorial tivo unha vida curta (1957-1963), pero na que conseguiu destacar cultural e artísticamente. O seu fin foi sempre claro: publicar as obras dos exiliados, publicar aos autores e temas galegos. En definitiva, dar a coñecer a Galicia no mundo.
Esta editorial publicou en 1959 "A Esmorga", de Eduardo Blanco Amor, con ilustracións de Isaac Díaz Pardo. O responsable do deseño da capa, como de todas as demais da editorial, foi o propio Luis Seoane. Unha obra imprescindible na renovación da literatura galega, pero difícil de publicar no seu momento.