A Deputación redobra o seu apoio ao Rallye de Narón, que celebra esta fin de semana a súa 37ª edición
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, participaron hoxe na presentación oficial da proba.
A Deputación incrementa este ano a súa aposta económica polo Rallye, cunha achega de 50.000 euros que a convirte no principal patrocionador institucional da proba

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, participaron hoxe xunto á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e representantes da escudería Siroco Team e das federacións galega e española de automobilismo e dos concellos polos que discorrerá o trazado na presentación oficial da 37ª edición do Rallye de Narón, unha das probas automobilísticas máis emblemáticas e esperadas do calendario galego, que se celebrará esta fin de semana, os días 23 e 24 de maio.
A competición, organizada pola escudaría Siroco Team Narón, consolidada desde 1988 como un referente do motor en Galicia, volve ser puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Asfalto (CERA), que este ano conta con só seis citas en toda España.
Durante o acto de presentación, celebrado na praza exterior do Concello de Narón, o presidente provincial destacou que "eventos coma o Rallye de Narón proxectan a imaxe da comarca de Ferrolterra como un destino deportivo e turístico de primeiro nivel, ao tempo que supoñen unha importante dinamización económica para o conxunto do territorio". O presidente puxo en valor o compromiso da Deputación coa promoción do deporte, desde as categorías de base a grandes eventos deportivos que son unha referencia no seu ámbito como o rallye naronés.
Este ano, a institución provincial redobra a súa aposta polo Rallye como unha das probas máis importantes do calendario galego e estatal, cunha achega extraordinaria de 50.000 euros que sitúan á Deputación da Coruña como o principal patrocinador institucional da competición, un xesto de apoio que agradeceron tanto desde a Escudería Siroco como desde a Federación Galega.
A proba deste ano contará cun itinerario total de 418 quilómetros, dos cales 120 serán cronometrados, con tramos que atravesan os concellos de Narón, Valdoviño, As Somozas, San Sadurniño, Moeche e Cerdido. O venres terá lugar o tradicional shakedown na parroquia de San Xiao, mentres que o groso da competición desenvolverase durante a xornada do sábado.
Pecharon as inscricións con 65 equipos participantes e a presenza confirmada de destacados pilotos do panorama estatal como o actual campión de España, o naronés Jorge Cagiao, que tamén estivo presente na presentación; así como Enrique Cruz, Miguel Fuster ou Daniel Berdomás. A provincia da Coruña continúa a ser unha referencia no mundo do motor, non só pola calidade das súas probas –como o Rallye da Coruña, o de Ferrol ou o das Rías Altas de vehículos históricos–, senón tamén por ser berce de grandes pilotos e copilotos como Germán Castrillón, Víctor Senra, Carlos Piñeiro, Luís Moya ou o propio Cagiao.
Formoso destacou tamén o impacto positivo que o Rallye de Narón ten sobre a economía local. Durante a fin de semana da competición, a comarca recibe a centos de visitantes, afeccionados, equipos e medios de comunicación, o que se traduce nun aumento da ocupación hostaleira e da actividade comercial. "Este rallye é unha boa oportunidade para mostrar o mellor da nosa terra aos milleiros de persoas que se achegan cada ano", concluíu o presidente.