A Deputación da Coruña, galardoada en Andalucía co XIII Premio Progreso pola súa Rede de Espazos de Coworking
O modelo, pioneiro en España, conta con 11 centros especializados temáticamente en función do potencial económico e produtivo do territorio onde se localiza
En menos dunha década, a Rede de Coworking permitiu o lanzamento de 263 proxectos empresariais e a creación de máis de 500 empregos, a maioría deles en concellos rurais
Formoso agradece o galardón "a un proxecto pioneiro en España, que puxemos en marcha con moita ilusión hai case unha década e que hoxe estase consolidando como un referente para outras administracións públicas"

A Deputación da Coruña recollerá mañá mércores 14 de maio na sede da Deputación de Córdoba o XIII Premio Progreso, concedido pola Federación Andaluza de Municipios e Provincias (FAMP), a Fundación para el Desarrollo de los Pueblos de Andalucía (FUDEPA) e o Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridade Internacional (FAMSI), polo seu innovador proxecto da Rede Provincial de Espazos de Coworking, desenvolvido ao abeiro do Plan de Emprego Local (PEL).
A deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, será a encargada de recoller o galardón nun acto que terá lugar no Palacio de la Merced, sede da institución provincial cordobesa.
Este recoñecemento en Andalucía pon en valor unha das iniciativas máis novidosas e transformadoras no ámbito do emprego e o emprendemento a nivel estatal, que desde a súa creación en 2019 ten permitido o lanzamento de 263 proxectos empresariais e xerado cerca de 500 empregos nos seus 11 espazos de traballo colaborativo distribuídos por toda a provincia da Coruña.
A Rede de Coworking da Deputación da Coruña ofrece un entorno colaborativo, innovador e profesional para o lanzamento e desenvolvemento de novas iniciativas no rural e nas vilas, contribuíndo a xerar sinerxías, compartir coñecemento e recursos, crear emprego e fixar poboación nos territorios nos que se implantan, maioritariamente concellos do ámbito rural da provincia da Coruña.
Os once centros da Rede de Coworking da Deputación da Coruña están situados en:
Oleiros (Pazo de Arenaza)
Boiro (Lab Barbanza)
Brión (Transformando)
Ames (Espazo A Proa)
Moeche (Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla)
A Capela (Coworking A Capela)
Vedra (Centro de emprendemento A Estación)
As Pontes (Green Coworking)
A Pobra do Caramiñal (Coworking A Pobra)
Santiago de Compostela (Coworking Dixital CCompostela)
Miño (Casa do Pescador)
Apoio individualizado e especialización temática segundo o territorio
Estes espazos non só ofrecen infraestrutura e acceso a internet de alta velocidade, senón tamén formación, acompañamento, asesoramento individualizado e oportunidades de networking para os emprendedores e emprendedoras.
A Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña destaca tamén pola súa especialización temática, xa que cada centro está orientado a áreas estratéxicas específicas segundo o potencial económico e produtivo do territorio no que se localiza. Así, existen espazos centrados na transformación agroalimentaria, na economía verde e circular, nas enerxías renovables, nas posibilidades dos produtos do mar ou na innovación tecnolóxica e dixital, o que permite ofrecer un acompañamento máis axeitado e favorecer a creación de ecosistemas locais de innovación adaptados á realidade de cada comarca.
O modelo ten demostrado ser especialmente eficaz para impulsar proxectos sostibles no rural, onde as persoas emprendedoras adoitan atopar maiores dificultades para poñer en marcha as súas ideas de negocio.
Un proxecto pioneiro en España
"Este galardón é un recoñecemento moi importante para un proxecto pioneiro en España, que puxemos en marcha con moita ilusión hai case unha década e que hoxe estase consolidando como un referente para outras administracións públicas", afirmou o o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que agradeceu o galardón concedido polas autoridades locais andaluzas e destacou que proxectos como a Rede Provincial de Coworking "amosan que a colaboración entre institucións e o compromiso coa creación de emprego e oportunidades no rural pode traducirse traducirse en resultados reais e transformadores que permiten cumprir os soños de moitas persoas e loitar contra a despoboación nos concellos máis pequenos".
A Rede de Coworking creouse como unha das liñas de acción do Plan de Emprego Local (PEL), o maior plan de emprego impulsado por unha administración local en Galicia, cun investimento acumulado de 119 millóns de euros desde 2016 e máis de 7.700 empregos creados nestes nove anos. O PEL demostrou ser unha ferramenta eficaz para apoiar aos concellos, pemes e persoas autónomas, con axudas directas á contratación, modernización, autoemprego e emprendemento.