Estás en:Emprego

Melide celebrou a súa 33ª Festa do Melindre co apoio da Deputación

O deputado provincial Xosé Penas acudiu aos actos oficiais desta feira, onde sinalou que "é moito máis ca un enxalzamento ao melindre, pois é a celebración mesma do noso patrimonio, identidade e cultura"

A Festa do Melindre celébrase o 10 e 11 de maio e inclúe, ademais de degustacións, concertos, animación de rúa, obradoiros, actividades infantís, pregón e nomeamento de embaixadores

Melide celebrou a súa 33ª Festa do Melindre co apoio da Deputación

Melide acolleu esta fin de semana a súa 33ª Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, que conta co apoio da Deputación da Coruña, que aporta un total de 30.000€ para a súa celebración a través da liña de subvencións dirixida a concellos de menos 50.000 habitantes para o desenvolvemento de actividades de promoción económica. O deputado provincial Xosé Penas acudiu hoxe aos actos oficiais, onde sinalou que esta cita "é moito máis ca un enxalzamento ao melindre, pois é a celebración mesma do noso patrimonio, identidade e cultura".

Dous días de actividades que mesturan gastronomía, música e divulgación para "poñer en valor un símbolo da nosa tradición", sinalou Penas. A Festa do Melindre de Melide "reivindica cada ano a súa gastronomía pero tamén o seu patrimonio inmaterial: o traballo artesán que se leva a cabo nos fornos tradicionais da vila, onde se amasan cada día estes riquísimos doces".

"Pero non so iso", apuntou o deputado. "Trátase dunha actividade é ademais sinónimo de creación de riqueza local e de oportunidades tamén no medio rural, facendo que os saberes e sabores que pasan de xeración en xeración se convertan tamén unha importante actividade económica que contribúe á fixación de poboación, entre outros". "E, nestes momentos", engadiu, "esa aposta por un xeito de facer artesanal e sostible é especialmente relevante".

O deputado parabenizou o traballo da organización por esta festa que "é ademais un importante atractivo turístico, e que encaixa á perfección coa estratexia de turismo gastronómico da Deputación", que se plasma na campaña 'A Paisaxe que Sabe'. "Melide é un deses concellos que sabe a doce, e que tamén sabe traballar na defensa do seu patrimonio, da súa riqueza cultural e de todos os seus recursos máis emblemáticos".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X