A Deputación avanza na planificación estratéxica do turismo da Comarca do Eume, presentando un novo fito no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Fragas do Eume”
A Escola Laica do Concello de Cabanas acolleu esta mañá a presentación do inventario de recursos turísticos e o manual do investidor da Comarca do Eume; unha acción que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Fragas do Eume, promovido pola Deputación e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU
O vicepresidente, Xosé Regueira, destacou a "importancia" da planificación turística, xa que "o turismo é unha actividade económica que ten que xerar retorno e oportunidades de emprego e benestar para a poboación residente"

Escola Laica de Cabanas acolleu esta mañá a presentación do "Inventario de recursos turísticos e o manual do investidor da Comarca do Eume"; unha acción que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Fragas do Eume, promovido pola Deputación a iniciativa dos Concellos da comarca do Eume, e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU e que supón un "importante avance" na planificación estratéxica do turismo da Comarca do Eume.
O vicepresidente, Xosé Regueira, acudiu ao acto, acompañado do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, e da empresa que se encargou do proxecto, Atlante. Regueira referiuse á "importancia" da planificación turística, posto que, tal e como salientou, "o turismo é unha actividade económica que ten que xerar retorno económico, e tamén oportunidades de emprego e benestar para a poboación residente".
Tras unha primeira análise do territorio para detectar os recursos turísticos existentes, elaborouse "unha previsión dos negocios que aínda se poden instalar, que dean un mellor servizo aos turistas e tamén oportunidades laborais para os veciños e veciñas", apuntou o vicepresidente, que tamén destacou a implicación "do sector, das persoas e das administracións". Regueira rematou agardando que estes recursos "dean bos resultados", en canto á "xeración de emprego e á fixación de poboación", e tamén na posta en marcha dun "turismo sustentable" que promove "alianzas co territorio, o coidado das paisaxes e que ten en conta a delicadeza coa que hai que tratar esta Reserva Natural".
Despois da intervención de Regueira, a empresa explicou en que consistiu o traballo e tamén os resultados obtidos. O Inventario de Recursos Turísticos recolle unha análise exhaustiva do patrimonio natural, cultural e etnográfico do Eume, establecendo as bases para unha xestión turística estruturada e aliñada coas tendencias do sector. Pola súa banda, o Manual do Investidor ofrece información crave para potenciar a captación de investimento en proxectos turísticos, destacando as fortalezas do destino e as oportunidades de negocio.