Estás en:Emprego

O Teatro Colón acolle o 23 de maio a estrea de ‘Sophie non é o meu nome de guerra’, gañadora do Premio Rafael Dieste 2021

Esta mañá tivo lugar a presentación desta obra sobre a trata de mulleres e contra a violencia machista, o racismo e os discursos de odio, na que participaron a deputada de cultura, Natividade González; o autor do texto, Roberto Pascual; a directora da obra, Laura Míguez e a actriz Alixa Ladson

Redrum Teatro e a Deputación da Coruña levan a escena o texto homónimo co que Roberto Pascual gañou en 2021 o Premio Rafael Dieste. Laura Míguez dirixe a peza, protagonizada por Camille Hedouin e Alixa Ladson

A obra, baseada en feitos reais, debulla a escuridade da inmigración forzada, a prostitución, a violencia institucional e a invisibilidade das mulleres migrantes a través dunha viaxe vital e xeográfica entre o Camerún orixinario da protagonista até A Coruña. Unha viaxe que, malia toda a dureza, abre as portas á esperanza

Os convites xa están dispoñibles na plataforma Ataquilla

O Teatro Colón acolle o 23 de maio a estrea de ‘Sophie non é o meu nome de guerra’, gañadora do Premio Rafael Dieste 2021

O Teatro Colón acollerá o venres 23 de maio ás 20.00 horas a estrea de Sophie non é o meu nome de guerra, unha coprodución de Redrum Teatro e a Deputación da Coruña que adapta o texto homónimo polo cal Roberto Pascual acadou en 2021 o Premio Rafael Dieste, certame convocado de forma bienal pola área de cultura da institución provincial. Así o anunciaron esta mañá a deputada de cultura, Natividade González; o autor do texto, Roberto Pascual; a directora da obra, Laura Míguez e a actriz Alixa Ladson.

A deputada amosou a súa "satisfacción" ao "ver como unha das obras premiadas nos nosos premios literarios, neste caso no Rafael Dieste de textos teatrais – o único destas características en Galiza –, se transforma nun espectáculo teatral que se estreará nun lugar tan emblemático como o Colón". "Ademais", engadiu, "para nós é un orgulloso esta colaboración con Rendrum Teatro para levar aos escenarios a obra, dándolle vida a unha desas historias que forman parte do noso catálogo de obras premiadas". González convidou "á veciñanza de toda a provincia e de todo o país" a asistir ao espectáculo". Os convites xa están dispoñibles en ataquilla.com

Baseada en feitos reais, este espectáculo traza dende as táboas unha viaxe emocional e xeográfica entre Camerún e A Coruña, un duro periplo vital no que a protagonista, Sophie, se enfronta á violencia da trata das mulleres, ás restritivas políticas migratorias e á hostilidade que agroma nos países de acollida, tanto a que vén dada pola animosidade institucional como pola invisibilidade que arrodea as mulleres migrantes.

Ao longo da obra, dividida en doce cadros, coñecemos a orixe da protagonista na súa natal Yaoundé, capital de Camerún, as súas lembranzas da infancia e a riqueza da cultura popular de África antes de achegarnos ao seu éxodo, que a levou por Malí e Alxeria para despois chegar a Melilla, Valencia, Francia e, ao final, á Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X