Estás en:Emprego

O Ciclo Mestre Mateo volve á provincia da Coruña e inicia este venres a súa cuarta edición

Trátase dunha actividade organizada pola área de cultura da Deputación e a A Academia Galega do Audiovisual para proxectar algunhas das películas finalistas nos Mestre Mateo en diferentes concellos da provincia

Os concellos de Betanzos, Boiro, Cedeira, Cerceda, Valdoviño, Vimianzo participarán na próxima edición do ciclo na provincia da Coruña

O Ciclo Mestre Mateo volve á provincia da Coruña e inicia este venres a súa cuarta edición

O Ciclo Mestre Mateo arranca a súa cuarta edición na provincia da Coruña grazas ao apoio da Deputación de Coruña. Hoxe en rolda de prensa, a deputada de cultura, Natividade González, e a vogal da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego, presentaron as novidades da mostra, que proxectará algunhas das obras finalistas e premiadas nos Mestre Mateo en diferentes concellos da provincia. A primeira delas será este venres en Betanzos.

Ademais de Betanzos, os concellos de Boiro, Cedeira, Cerceda, Valdoviño e Vimianzo proxectarán as producións finalistas nas categorías de longametraxe e documental dos XXIII Premios Mestre Mateo: As Neves, de Sonia Méndez; Xustiza artificial, de Simón Casal; Honeymoon, de Enrique Otero; + Cuñados, de Luis Avilés; e os documentais Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño; Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca; Aurora, de Area Erina e Prefiro condenarme de Margarita Ledo.

A deputada, Natividade González, apuntou que "o cinema segue a ser protagonista na provincia da Coruña" e para a administración "é importante seguir apostando para que este tipo de proxectos se leven a cabo. O ciclo chega a lugares onde non existen grandes pantallas, polo que esta iniciativa é un exemplo máis do noso compromiso cunha cultura accesible para todos os veciños e veciñas da provincia".

Pola súa parte, Alba Gallego destacou "a importancia de que o cinema galego chegue a todos os recunchos do país, especialmente a aquelas localidades que non contan cunha programación audiovisual estable". Engadiu que "o Ciclo Mestre Mateo é unha ferramenta fundamental para fortalecer o vínculo da cidadanía co noso audiovisual, poñendo en valor o talento, a diversidade e a capacidade de contar historias propias que temos en Galicia".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X