O regulamento de Carreira Profesional recibe o ditame favorable da Comisión para poder ser aprobado no Pleno do 29 de novembro
O Pleno provincial aprobará a carreira profesional impulsada por CCOO e UXT coa dotación económica que se pactou dende o primeiro momento
Aínda que non se comparta, calquera estratexia sindical é lexítima sempre que se apoie en feitos reais e verificables. O que non se pode tolerar é que para branquear unha actuación, nesta ocasión non apoiar a carreira profesional do persoal da Deputación, se recorra a subterfurxios que terxiversan a realidade.
É absolutamente falso que o Goberno provincial recortase a dotación económica para a Carreira Profesional Horizontal. Dende CCOO non só consideramos lamentable que se vertese semellante acusación, senón que o consideramos un acto de absoluta deslealdade contra un goberno provincial que, xunto con UXT e CCOO está a impulsar a mellora máis importante na historia da Deputación, logo de haber impulsado en mandatos anteriores outras grandes melloras como a valoración de postos de traballo, incrementando tanto o Complemento Específico como o de Destino.
O único sindicato que non apoio a carreira profesional trata de xustificarse asegurando falazmente que: "NO ES LA MISMA PROPUESTA", afirmación que queda desmentida no propio informe de intervención incorporado ao expediente para a aprobación definitiva da carreira, que indica: "...que esta intervención xa informou de conformidade a proposta de aprobación inicial do regulamento e que a mesma non sufre modificacións...". A falacia que se utiliza para pretender xustificarse diante dos traballadores e traballadoras, que observan atónitos como algún dos seus representantes non apoia un incremento salarial que tanto lles beneficia, consiste en pretender facer crer que se reducen as achegas económicas en base a unha mera simulación económica incorporada ao expediente que estima os custes probables máximos (na realidade serán inferiores dada a situación do persoal) da carreira profesional para os dous escenarios extremos (sen aceleración por proximidade a idade de xubilación e coa máxima aceleración contemplada no regulamento). Habendo comprometido a Corporación desde o principio con CCOO e UXT o financiamento que agora se aproba, que cubre parcialmente a aceleración por proximidade a idade de xubilación. O que resulta moi contraditorio e incoherente é que aqueles que non apoian o regulamento por incluír a aceleración por proximidade á xubilación, agora xustifiquen non votar a favor do plan de financiamento da carreira por non incluír o financiamento completo de dita aceleración. E ademais resulta fraudulento que traten de manipular ao persoal falando de recortes no financiamento. É como se os sindicatos que impulsamos a carreira tratásemos de vendervos que hai un incremento das partidas orzamentarias porque son superiores ás máis baixas contempladas no estudo económico, pero un estudo económico para dúas situacións é só iso, e non un compromiso de financiamento para ningunha de elas.
O regulamento de Carreira Profesional recibe o ditame favorable da Comisión para poder ser aprobado no Pleno do 29 de novembro, neste sentido cabe subliñar que o Goberno Provincial saca adiante a carreira persoal a pesar de non contar co apoio unánime dos sindicatos tal e como demandaba. Recordamos que a votación nos sucesivos puntos da orde do día das distintas mesas de negociación relacionadas coa carreira profesional, sempre recibiu os votos favorables de CCOO, CIG e UXT, nunca os do CSIF. Situación esta que, obviamente, dificultou e atrasou este grande logro sindical.
O Pleno provincial aprobará a carreira profesional impulsada por CCOO e UXT coa dotación económica que se pactou dende o primeiro momento. O que constitúe un fito histórico na negociación colectiva na Deputación. Por tanto establecese un marco temporal de seis anos para a finalización do proceso extraordinario, tal e como está recollido no regulamento, e co seguinte financiamento anual:
Ano 2024 525.540 € aplicable ao último trimestre do ano 2024
Ano 2025 1.000.000 € aplicable a todo o ano 2025
Ano 2026 1.500.000 € aplicable a todo o ano 2026
Ano 2027 2.000.000 € aplicable a todo o ano 2027
Ano 2028 2.500.000 € aplicable a todo o ano 2028
Ano 2029 3.000.000 € aplicable a todo o ano 2029