Estás en:Emprego
Presentouse un escrito de alegacións ao Regulamento de Carreira Profesional Horizontal que impediu a súa aprobación automática e a súa conseguinte execución

Atraso na Carreira Profesional Horizontal

As alegacións presentadas empregan o mesmo argumento utilizado durante a negociación polo único sindicato que non apoia o Regulamento de Carreira Profesional

Atraso na Carreira Profesional Horizontal

A información errónea transmitida ao persoal por parte dun actor da negociación desgraciadamente parece que calou nalgunha persoa, poñendo en perigo a Carreira Profesional Horizontal impulsada con moito esforzo por UGT e CCOO.

Presentouse un escrito de alegacións ao Regulamento de Carreira Profesional Horizontal que impediu a súa aprobación automática e a súa conseguinte execución, segundo puidemos comprobar ao consultar o expediente ao que tivemos acceso logo da solicitude correspondente.

Lamentablemente a carreira profesional sofre un atraso e non estará aprobada definitivamente para o comezo do mes de outubro. A Corporación decidiu darse un tempo para estudar con calma as alegacións, motivo polo que non vai ao pleno de setembro impedindo a súa implantación durante o mes de outubro. En todo caso, CCOO está a traballar para que o Regulamento de Carreira Profesional Horizontal vaia ao pleno de outubro para que sexa unha realidade dentro deste ano 2024. Efectivamente, nesas tarefas estamos dende o mesmo momento que tivemos coñecemento que o regulamento non ía á Comisión informativa. Faremos todo o que estea na nosa man, sen escatimar esforzos, para que o persoal poida gozar canto antes dos dereitos económicos da Carreira Profesional Horizontal.

As alegacións presentadas empregan o mesmo argumento utilizado durante a negociación polo único sindicato que non apoia o Regulamento de Carreira Profesional, e que co seu voto impediu a unanimidade na mesa xeral poñendo en risco, así, a súa aprobación plenaria e o aceso do persoal á carreira profesional. Concretamente, as alegacións baséanse no desacordo co sistema de aceleración da carreira profesional para o persoal cuxa idade está preto da xubilación en base a unha suposta discriminación por razón de idade. Unha discriminación que non se está a producir xa que existen motivos argumentados e razoables para aplicar o sistema de aceleración, tal e como establece a xurisprudencia en sentenzas relacionadas con temas de discriminación. Tanto é así, que outras administracións xa teñen aprobada a carreira profesional con regulamentos que incorporan un sistema de aceleración, como por exemplo o Concello da Coruña. CCOO non so entende que o sistema de aceleración é legal, senón que o considera como unha ferramenta que promove unha carreira máis xusta que, incluso, aporta beneficios ao persoal que non pode gozar do sistema de aceleración como xa temos explicado no comunicado Axudámosche a facer a solicitude coa data óptima de 30 de xullo dispoñible no noso espazo web.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X