Produtividade e Carreira Profesional Horizontal
O Comité de Avaliación da Produtividade vén de aprobar a liquidación definitiva do exercicio 2023, actuación necesaria para poder obter os graos de Carreira Profesional Horizontal.
Hoxe deuse un novo paso para facer efectiva a Carreira Profesional Horizontal produto dun arduo traballo conxunto de UXT e CCOO.
A Carreira Profesional Horizontal impulsada por CCOO e UXT supón o cumprimento do compromiso adquirido polo Goberno Provincial, así como o máis importante recoñecemento ao desenvolvemento laboral do persoal. Lembramos que o regulamento de Carreira Profesional Horizontal aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación é, con leves modificacións, a proposta presentada por UXT e CCOO o que, ademais de significar un grande éxito sindical, é unha proba da calidade e seguridade xurídica do traballo desenvolvido por ambos os dous sindicatos.
O Comité de Avaliación da Produtividade vén de aprobar a liquidación definitiva do exercicio 2023, actuación necesaria para poder obter os graos de Carreira Profesional Horizontal. A normativa establece o cumprimento de obxectivos como un dos requisitos para a obtención dos graos de carreira. Coa aprobación da liquidación definitiva da produtividade finaliza o proceso de produtividade ligada ao cumprimento de obxectivos do pasado ano o que habilita ao persoal para a obtención dos graos, sempre que se cumpra co resto de requisitos legais que están recollidos no regulamento de Carreira Profesional Horizontal.
Dende CCOO volvemos solicitar que as baixas por accidente laboral non descontasen na produtividade. A Corporación comprometeuse a estudar o tema para poder tratalo noutra xuntanza do Comité de Avaliación da Produtividade.
Lembramos ao persoal que a lei obriga solicitar a inclusión na Carreira Profesional Horizontal para poder cobrar o Complemento de Carreira e que o período para presentar a solicitude remata o 6 de setembro, motivo polo que animamos a todo o persoal que ten pendente cubrir a solicitude en SUBTEL (que ten que ser asinada dixitalmente) o faga o antes posible.