Pildora informativa: Prevención fronte a facturas fraudulentas
Seguen a detectarse facturas falsas na administración
As estafas por medio de facturas falsas seguen afectando ás administracións públicas, e o mellor medio de defensa é coñecer o perigo e darlle toda a importancia que require:
- Absolutamente todas as entidades que teñen fornecedores e deben pagarlles están ameazadas por este tipo de estafa.
- Os cibercriminais poden facer estudios moi detallados das vítimas potenciais e dos seus fornecedores para que os seus intentos resulten verosímiles ao persoal encargado dos pagos.
- O risco vaise reducindo canto mellor e máis detallado é o proceso de xestión dos fornecedores, e especificamente o control das facturas.
Polo tanto, antes de aboar unha factura é imprescindible:
- Ter previamente rexistrados os números das contas dos fornecedores e comprobalos antes de facer calquera pago, independentemente de que a factura estea a chegar pola súa canle e coa aparencia habitual.
- Validar as peticións de cambio da conta de aboamento por unha canle distinta daquela pola que chega a petición (por exemplo, se chega por correo electrónico, contrastalo mediante unha chamada telefónica).
- Comunicar á entidade fornecedora e aos responsables no servizo propio calquera sospeita de irregularidades nunha factura antes de aboala.
Tamén é moi recomendable:
- Dispoñer de procedementos escritos describindo a dinámica das operacións de pago na entidade. Os procedementos deben ser comunicados ao persoal implicado e cumpridos escrupulosamente.
- Facer unha revisión periódica deses procedementos para que estean actualizados e para que o persoal se manteña concienciado sobre os riscos.
Á súa vez pode atopar máis información e consellos sobre ciberseguridade e protección de datos no portal ciberseguridadegalicia.gal