Estabilización e incremento salarial
CCOO aproveitou a mesa de negociación para solicitar á Corporación que efectúe en novembro o pago do incremento do 1,5% pactado por UGT e CCOO co goberno central
O pasado venres, 21 de outubro de 2022, desenvolveuse Mesa Xeral de Negociación para aprobar as bases específicas de estabilización, así como as xerais e específicas para o profesorado.
CCOO aproveitou a mesa de negociación para solicitar á Corporación que efectúe en novembro o pago do incremento do 1,5% pactado por UGT e CCOO co goberno central. Por motivos fiscais, solicitamos que se pagase separado da nómina do mes (como a paga extra). Pero a Corporación, que si accedeu, en principio,a que se pagase en novembro, indicounos que por motivos técnicos debe ir incluída na propia nómina do mes de novembro.
A mesa Xeral de Negociación aproba todas as bases específicas a excepción das do profesorado co voto favorable de CCOO porque aínda que consideramos que eran mellorables reducindo todos os temas a unha soa unidade temática, si é certo que recollen parte das melloras propostas polas centrais sindicais. Así, só uns poucos temas están compostos por dúas unidades, reconfigurase a parte xeral para estar máis estandarizada e ser mais equitativa entre os distintos procesos ou se axustan os temarios dalgúns procesos segundo ás recomendacións sindicais. As devanditas bases non as podemos facer públicas ata que se aproben en Xunta de Goberno para cumprir co deber de sixilo que a Corporación sigue a manter.
En canto ao profesorado, CCOO solicitou que se aprazase a súa aprobación porque queremos presentar unha proposta que mellore a da Corporación.
CCOO tamén aproveitou a mesa de negociación para solicitar, unha vez máis, a implantación do teletraballo e que se comece a negociar diversas cuestións como as 35 horas semanais ou a xubilación parcial, que xunto a outras, agora son posibles tras a aprobación do RD 18/2022 de 18 de outubro, derivado do acordo do goberno central con UGT e CCOO.