O Pleno ratifica o mantemento dos novos salarios incrementados
No 2019, mantense o novo específico incrementado resultante da valoración (que xa estamos a percibir na nómina) e, aínda que o complemento de produtividade verase reducido nun terzo, suporá un importante incremento salarial para case todos.
O pasado mércores, 21 de novembro, desenvolveuse o pleno extraordinario para a aprobación inicial dos orzamentos, que recibiron o apoio de todos os grupos provinciais agás o PP que votou en contra, e da Relación de Postos de Trabalo, Cadro de Persoal e Organigrama onde PSOE e BNG votaron favorablemente, absténdose o resto.
CCOO agradece a posta en valor do cadro do persoal da Deputación que tanto o Presidente como o Deputado de persoal fixeron no Pleno, que non so encomiaron o traballo que realiza o persoal senón que consideraron a Valoración de Postos de Traballo (VPT) como un fito único da Deputación. VPT que non sería posible sen o enorme esforzo realizado polo servizo de Recursos Humanos, nomeadamente a súa xefa. En todo caso, esta Corporación non so eloxia aos traballadores e traballadoras senón que os recompensa economicamente a través dunha VPT que non significa o fin da adecuación salarial, senón que é un proceso dinámico como ben expresou o Deputado de persoal durante o Pleno. Tanto é así, que en CCOO seguimos a traballar e negociar coa Corporación melloras salariais para todos os postos, pero en especial para os que saen peor parados, que esperamos acadar no primeiro semestre de 2019.
O Pleno ratifica o acordo que acadamos en mesa de negociación para que a partida de produtividade dispoña de 2.500.000 €. En CCOO estamos enormemente orgullosos do logrado, foron tres anos de arduo traballo mais pegou a pena pois entre a VPT e o acordo de produtividade, son preto de tres millóns de euros a achega que fai a Corporación para que os salarios do persoal da Deputación se adecúen as funcións e responsabilidade que se están a desenvolver.
Así pois, como xa indicamos anteriormente, no 2019, mantense o novo específico incrementado resultante da valoración (que xa estamos a percibir na nómina) e, aínda que o complemento de produtividade verase reducido nun terzo, suporá un importante incremento salarial para case todos. Isto é así, grazas ao último acordo no que conseguimos que a redución da produtividade ata o 25% da actual (consensuada, fai anos como punto de partida para o proceso de VPT), quedase finalmente no 65%, grazas a unha nova achega da Corporación de arredor dun millón e medio de euros e á exclusión do sistema de produtividade do persoal eventual.
As axudas de estudos cobraranse na nómina de novembro, mentres que as de vivenda irán na de decembro. Lamentamos o atraso producido, mais non depende de nos (en CCOO levamos demandando dende setembro que se convocase a comisión), senón que é responsabilidade única i exclusivamente da Sección de Xestión de RRHH que se encarga da súa tramitación. De feito, a Comisión Mixta de Seguimento do Acordo Negociado e Convenio Colectivo, encargada de tratar as ditas axudas non foi convocada ata o pasado luns, 19 de novembro, ese mesmo día aprobamos o reparto das axudas de estudos, mais non puidemos facer o mesmo coas axudas de vivenda debido a que, a estas alturas, aínda non está rematada a súa xestión. En todo caso temos o compromiso, expresado na Comisión pola responsable de dita sección, que se cobrarán en decembro.