Estás en:Emprego
O pleno ven de aprobar o modificativo de crédito que incorpora unha partida para pagar un incremento da produtividade por cumprimento de obxectivos globais do ano 2017

CCOO co apoio de UGT logra que se incremente a produtividade

O pleno ven de aprobar o modificativo de crédito que incorpora unha partida para pagar un incremento da produtividade por cumprimento de obxectivos globais do ano 2017.

CCOO co apoio de UGT logra que se incremente a produtividade

O 28 de outubro de 2016 o Pleno da Corporación aprobou o novo sistema de avaliación do desempeño e cumprimento de obxectivos que viña de ser aprobado en Mesa Xeral de Negociación o 1 de xullo, co apoio de UGT e CCOO e voto en contra de CIG e CSIF. Este novo sistema de produtividade, máis equitativo e xusto, reducía as excesivas diferenzas económicas existentes no Complemento de Produtividade entre colectivos e grados.

Unha iniciativa de CCOO apoiada por UGT, que finalmente rematou nunha proposta conxunta de ambos os dous sindicatos, posibilita un novo incremento salarial para todo o persoal. Durante a negociación do novo sistema de produtividade, CCOO, en xuño de 2016, presentou na Comisión de Produtividade un documento con oito propostas de mellora ao texto presentado pola Corporación, sendo aceptadas a maioría. A proposta sexta consistía en establecer un sistema de obxectivos globais que, no caso do seu cumprimento suporía incrementar a partida de produtividade e, xa que logo, o importe do Complemento de Produtividade percibido polos traballadores e traballadoras. Tratábase de incluír unha disposición transitoria co seguinte texto:
Antes de rematar o ano 2016, deben ser definidos os obxectivos globais do sistema unificado de produtividade, que segundo o grao de execución poden modificar a cantidade destinada a retribuír o complemento de produtividade. Os ditos obxectivos serán ditados mediante resolución de presidencia, previa negociación cos representantes dos traballadores e traballadoras.
A dita proposta foi transcrita literalmente ao texto do acordo plenario do Sistema de avaliación do desempeño, xerando a obriga de execución por parte da Corporación.

Na mesa de negociación do 30 de decembro de 2016, UGT e CCOO presentaron unha proposta conxunta de definición de obxectivos globais, que, a pesar do voto en contra de CIG e CSIF, foron aceptados pola Corporación cunha leve modificación, e elevados a Resolución de Presidencia ese mesmo día para, así, cumprir o acordo plenario.

O pleno ven de aprobar o modificativo de crédito que incorpora unha partida para pagar un incremento da produtividade por cumprimento de obxectivos globais do ano 2017. Os algoritmos que calculan o cumprimento dos obxectivos globais establecen un incremento da produtividade en 363.258,96€. O que ven a supoñer preto de 450€ por traballador/a (coas pequenas variacións dependentes do nivel de cada posto). Esta cantidade é lixeiramente inferior ás ¾ partes do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que é o máximo que se pode incrementar por cumprimento de obxectivos, (temos un pequeno marxe de mellora, si hai máis efectividade noutros exercicios). Como queira que un dos acertos da negociación foi referenciar todos os cálculos ao SMI, cando este suba, o incremento anual de produtividade será maior a igualdade de obxectivos acadados.

CCOO lembra á Corporación que aínda debe ao cadro de persoal a produtividade por cumprimento de obxectivos globais do ano 2018 e que debe ser pagada antes de rematar este ano. Neste caso, segundo o exposto anteriormente e no caso de acadar os mesmos obxectivos, como queira que o SMI subiu ata os 735,90€ o incremento en produtividade no 2018 será duns 500€ por traballador/a, e no 2019 sobre 600€ xa que este ano o SMI subiu até os 900€.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X